Powered by Wikiloc

O Val do Medo...

O Val do Medo insírese nunha conca terciaria. Na beira setentrional da depresión de Maceda, áchase a macrofalla do Rodicio onde se producen os contactos entre as formacións de lousa e de granito de duas micas, con intrusión dos granitos na lousa.

A Mina de Baldrei é un xacemento de minerais de tipo filoniano con presenza de calcopirita, esfarelita, e pirita xunto con arsenopirita [mispíquel consonte os mineiros alemáns] en filóns de seixo. O granito ao ser fráxil por estar caolinizado (sábrego) facilitou a explotación do mineral.

Foi explotada por unha compañía xermana a ceo aberto –cun singular túnel de entrada-, maiormente nos anos 30 do século XX. É coñecida a historia da explotación das minas de Galicia polos nazis dada a súa gran importancia para o exército alemán, pois a explotación de minas de volframio alimentan a industria de guerra de Hitler durante a Segunda Guerra Mundial. A palabra volframio procede do alemán wolf e rahm, que se traduce por “baba de lobo” debido á crenza dos mineiros medievais saxóns de que o diaño se aparecía en forma de lobo e habitaba nas profundidades das minas, corroendo a casiterita coas súas fauces babexantes.

Este metal aparecía mesturado co ácido doutro descoñecido -volframio- que actuaba corroéndoo. É un metal escaso na cortiza terrestre, encóntrase en forma de óxido e de sales en certos minerais. De cor gris aceirada, moi duro e denso, ten o punto de fusión máis elevado de tódolos metais e o punto de ebulición máis alto de tódolos elementos coñecidos. Úsase nos filamentos das lámpadas incandescentes, en electrodos non consumibles de soldaduras, en resistencias eléctricas e, aliado co aceiro, na fabricación de aceiros especiais.

Baldrei foi a primeira vila no val de Maceda que tivo electricidade debido á explotación de minas de volframio. Así, no ano 1931 todos os veciños que querían e podían instalábana. Algo máis ao norte, preto do cumio do monte Meda, agroma un extenso e potente filón de seixo puro con abondosas cristalizacións que se pode ver nunha canteira abandonada na que se explotou parte dese filón. Esta canteira e a Mina de Baldrei hoxe atópanse abandonadas e cercadas para evitar accidentes. Porén, son lugares de enorme interese xeolóxico e paisaxístico.